Cultura

A Pousada das Ánimas leva xa uns anos remexando o panorama cultural do Barbanza. Desde Boiro, cunha programación na que teñen cabida distintas expresións artísticas, nomeadamente a música. Agora, os seus xestores convocan os Premios A Pousada das Ánimas 2013, no que se pode votar polas mellores actuacións do ano pasado no local, que optarán a diversos premios.


Hai 10 anos nacía na capital do país a Gentalha do Pichel. Como eles propios din, um grupo de compostelanas e compostelanos decididos a fazer activismo cultural na nossa cidade e comarca. A língua e cultura galegas, a vontade de aprender, de difundir e recuperar os nossos costumes, a nossa história, a nossa música... E así foi durante estes anos, e agora van festexalo cunha serie de actividades contra finais de xaneiro.

O pasado mércores 15 de xaneiro, presentouse no concello de Teo a 1ª edición do Certame de Canción de Autor en galego. Pode participar calquera cantautor/a, independentemente do estilo que practique, sempre que o faga con composicións orixinais e cantadas na nosa lingua. A persoa gañadora poderá gravar un disco de 8 temas nos locais de ensaio do concello, alén de poder dar 5 concertos e de ter paga por un ano a cota da asociación de Músicos ao Vivo. Máis info e link ás bases no interior.

Desde xaneiro até xuño, -comezando este sábado 11 de xaneiro-, un sábado ao mes o Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá a Rede de Músicas Soltas. O público poderá coñecer proxectos en activo vinculados á música popular galega a un prezo reducido, de 4€ cada actuación. Ugia Pedreira e Fred Martins, -isto é, Acróbata-, serán os encargados de encetar un ciclo no que terán cabida Radio Cos, Caxade ou Narf.

A edición 2014 do Cantalingua xa dá os seus primeiros pasos. As entidades organizadoras do Correlingua volven convocar este concurso musical dirixido ás bandas que desenvolven o seu labor no noso idioma. De feito, pode participar calquera grupo ou solista que envíe un tema en galego. Até o 1 de abril hai tempo para enviar o tema e poder acceder ao premio, 10 concertos que darán os 3 grupos gañadores do 5 ao 16 de maio de 2014.

Cantos na Maré trae este sábado a Pontevedra a súa edición máis lírica e intimista. Amancio Prada, Vitor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño, baixo a dirección artística de Uxía e musical de Paulo Borges, farán unha nova lectura de Rosalía de Castro, reinterpretada á luz dos problemas de hoxe. O concerto compleméntase cunha serie de actividades paralelas dirixidas a público en xeral e estudantado.

Remata o 2013. Un ano no que a música galega, como toda a cultura e como a sociedade no seu conxunto, sentiu o abafo desa realidade, liberal no económico e ultracristiá no social, na que nos queren encorsetar. Mais, -e polo de agora, case mellor nin dar a idea-, non nos prohiben cantar, festexar e berrar o noso desacougo. Así que seguiremos a facelo. E xa non somos -só- catro tol@s. Eis o 2013 de GZmúsica en números...e non só neles.

A Asociación Falcón de Ponteareas, organizadora do Rock in Río Tea, prepara un concurso de bandas para os primeiros meses de 2014. Premios en metálico, -1000 € á banda gañadora e 200€ á finalista-, aos que poderán acceder 8 bandas que "competirán" enriba do escenario nunha primeira fase, da que sairán as semifinalistas e, destas, as dúas formacións finalistas que tocarán o 5 de abril do vindeiro ano para dirimir quen é a vencedora. Data límite para a inscrición: 25 de xaneiro de 2014.